Eu, muller libre, maior de idade, decido saír correr cando atopo un oco na rutina do meu día.
Hoxe, non me atrevo nin a dicir as rutas que fago. Non me atrevo a nomear ás outras mulleres que corren comigo ou soas cando a súa vida familiar llelo permite.
Eu, maior de idade e libre… Non me atrevo.
Comecei a correr hai varios lustros cun dos meus mellores amigos, sendo ese momento de running o mellor do día. Logo, os compañeiros de traballo, amigos tamén, foron uníndose e acabamos sendo un equipo de runners, no cal a única rapaza era eu. Homes marabillosos. Pais marabillosos. Maridos marabillosos que sempre me acompañaron (eu ás veces coa lingua de fóra) sentíndome «outr@ máis».
Exemplo rotundo do valor do deporte, da unión que xera e o que dignifica a quen o practica.
Homes coma eles son os que fan que non perda a ilusión por un mundo no que medremos tod@s en IGUALDADE.
Lamentablemente, se eles non poden saír correr de noite pecha, eu non me atrevo. Soa, aínda coa luz dos farois e dos coches, eu… non me atrevo.
Laura Luelmo saíu correr á tardiña, a plena luz, e non volveu. Ela si se atreveu.
Ela morreu.
A realidade é que nos matan.
Nós non temos medo ás lexións nas carreiriñas, temos que ter medo a non volver á casa.
O sorprendente é que a algúns lles sobran as leis de igualdade, le- nas e miran para outro lado, e din que as feministas somos meigas da Idade Media.
Compañeir@s, a educación é a ba- se do mundo no que estas atrocidades poidan desaparecer e as vosas fillas se atrevan. Elas, maiores de idade e libres.
* Estíbaliz Veiga é actriz, mari- ñana. Na memoria de Laura Luelmo, asasinada.