Esta é unha historia que fala da Galicia que levamos dentro da nosa idiosincrasia máis real, da que esmorece… e da que resiste.
Na do rural entristecido. Nesta ocasión teño por primeira vez o número tres de personaxe, que que quere dicir iso?, pois que nas fichas dos incontables documentos que teñen que elaborar as equipas de dirección e produción, teñen que darnos un número aos actores en referencia ao protagonismo do caracter que interpretamos, de aí, que este sexa unha fermosa oportunidade na miña carreira como actriz. Pero o realmente importante dela, María, que así me chamo, é que é un perfil de muller galega na que eu mesma me asumo, unha coidadora. Esas grandes silenciadas que nos coidados perden o pulso da súa vida, que padecen o «síndrome do coidador», esgotadas e olvidadas sempre ao servizo dos outros. A miña María terá ocasión de dicir moito con pouco. Teredes que vela nos cines e pagar a vosa entrada porque, aínda que nós nos poñamos de folga, porque o único que desexamos e traballar, o noso sector tamén necesita coidados e non abandono.
«O home e o can» vai ser unha homenaxe á Galicia interior, e tamén ao neorrealismo, un movemento cinematográfico que xurdiu en Italia despois da Segunda Guerra Mundial e que se caracterizou por rodaxes en localizacións naturais, á procura dun intenso realismo.
Manuel Manquiña protagoniza esta historia, que vai iluminar cun rexistro interpretativo totalmente novo, e na que o branco e negro da metraxe vai ser un protagonista máis. Dirixida por Ángel de la Cruz gañador de tres premios Goya e coa dirección de foto de Pablo Fontenla. Televisión de Galicia tamén aposta por esta aventura cinemátografica da productora Ézaro Films de José Montero.
Xa estamos rodando na provincia de Ourense, onde apoiaron rotundamente a rodaxe e nos fan sentir ourensáns desde o minuto cero. Manuel Baltar está creando un plató de cine das dimensións da provincia de Ourense, apostando polo «cinema de alta velocidade» no cal el cre, admirable a súa confianza no noso audiovisual galego que é recoñecido xa por moitos. Ourense ten todo e máis para facer que o home e o can ( Flecha) , sexan un proxecto cinematográfico de alma, corazón e vidas. Vémonos nos cines.