Slaughterhouse vigil nacía en Toronto. Veganos militantes, (os que substituíen o ovo da tortilla por fariña de garavanzos), reúnense nas portas dos matadoiros para acompañar cordeiros, porcos, vacas e galiñas no fin das súas vidas. Acariñan e falan con doces palabras a estes seres indefensos que están tremendo de medo, literalmente. Pode ser a primeira e última que vez sintan a empatía que se lle supón ó humano.
Son pacíficos, non bloquean o camiño como bandidos. Hai un pacto non escrito entre organizadores do «asalto» e transportistas. Co camión nas portas do recinto durante 5 ́ ou 10 ́achéganse, fan aloumiños e dan de beber ó gando. «Mátanas con moita sede porque din que a carne sabe mellor», explica Óscar López, un coordinador vegano. O camión retoma a marcha e os activistas xa non poden acceder á zona de descarga.
Toda a extravagancia serve para consolar ós animais e que polo menos, morran sentindo por unha vez cariño. Eu que medrei entre gandeiros que si que tratan con respecto e agradecemento ós que lles serven de sustento levo dende o 1 de xaneiro sen comer carne. Non son vegana, nin sequera vexetariana «de todo». Complicado cumprir ese compromiso cen por cen cun tipo de vida coma a miña pero o que si que me propoño é evitar sufrimento e malvivir ós animais dende a miña humilde posición. O que máis escoito entre risas é «as leitugas tamén sofren cando as cortan”, non sei, a tanto non chego pero ó que si que chego é os datos que evidencian na maioria, os tratos precarios e a sobreexplotación dos animais para o consumo. Só hai que ler.
*Estíbaliz Veiga é actriz