ver artículo 

Ola, hoxe vou ser eu quen poña as patiñas no teclado. Estou pasando unha época, digamos, «satisfactoriamente confusa».

Dende hai un mes e pico a miña humana está sempre na casa. Sempre. A verdade é que en cinco anos de «vida gatuna» nunca tal vira. Que dicir diso do confinamento? É o meu. Vivo comodamente do sofá á cama, e logo á cociña, pasando polo areeiro cando o preciso, e chea de mimos.

Esti fai cousas moi raras: fai deporte dentro da casa mirándome (se pensa que me vou poñer eu a dar eses chimpos, vaiche boa! Se non hai mosca que perseguir, eu paso). Logo senta a ler na ventá coa cara botada de fóra para pillar sol, eu déitome ao lado e veña prrrr. Sorpréndeme que non se decatara antes de que ese sitio da casa é o lugar idóneo para «caer de pracer». Tamén fala a través do trebello, que dentro del sucede un misterio: a xente encolle! O teléfono. Caben catro, cinco, seis… Todos nese rectángulo. Xa non saben que inventar!

Púxome moi triste o que ela comentaba o outro día, algo sobre outros da súa especie que alugaron durante o confinamento os seus cans para pasear con outros. Iso non é amor leal. Non son moi fan dos cans, son gata, pero sei que #elesnonofarían. E mais o dos abandonos! Pobres compañeir@s pelud@s. Segundo expertos da OMS, «cos datos científicos dispoñibles na actualidade, non hai probas de que os animais domésticos poidan contaxiar a enfermidade».

Así que por favor, seguide a miña filosofía, «método catfulness», #quedanacasa, goza do sol que entra, sae pasear, correr ou na bici na franxa horaria que che corresponde, fai aloumiños aos que queres (aínda que sexan virtuais) e reparte moito amor.

Asinado: Cinza. Unha gata confinada e feliz. E por favor, se tiveches a sorte de ter un can para poder saír do encerro, non sexas «animal» irresponsable e o deixes agora na estacada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *