Na última semana quedei para cear cos amigos de Minorte en Ribadeo (hotel pechado por medidas requiridas polo estado de alarma), e tamén para sesión vermú na Coruña, cunha «irmá» en Novo Mesoiro, ou para tomar o aperitivo coa miña querida Anabel en Madrid. Fun a un concerto de Coque Malla e a outro de Alejandro Sanz.
Distancia social, si. Distancia de corazón, ningunha Nos grupos de WhatsApp xorden as quedadas que había tempo non se daban.
Os meus: «Ribadivas», «Clan das Manolis», «Corredoras» e outros dan moito de si. Convocamos cea dos que vivimos en Galicia, Asturias, Madrid, Eivisa. Aí estamos, vestidos de «Fin de Ano» co pantalón de pixama por debaixo e zapatillas de unicornio. Pintei o beizo de vermello e todo. Compartimos pantalla, brindamos con auga, con Petroni (vermú galego), con Mencía, ou con zume natural de laranxa. Coma se fose un día especial, porque «desta volta» tod@s aprendemos iso, que todos e cada un dos días son especiais e contan. O aquí e o agora. A filosofía do ioga que algúns practicamos vólvese a nosa «maneira de vivir» diaria (ás 19 horas, no IG de Bikram Yoga A Coruña, tédelo).
Hora? Conectámonos! Servimos bebida e picoteo, e telebrindamos por saúde, amor e por suposto, polo traballo. Repetimos canto nos imos abrazar cando nos vexamos e somos agradecidos ao describir o raio de sol que en- tra pola ventá de cada un. Botando de me- nos o mar e o aire do monte da nosa Galicia.
Foi o Día da Poesía e agora si que Rosalía (a galega, a nosa) resoa nas nosas casas cantando ás nosas paisaxes, á vista daqueles ollos nosos e que, coma nas súas verbas, «non sabemos cando veremos»; o que si sabemos é que loitaremos todos a unha, coma en Fuenteovejuna, porque sexa canto antes.
O compi Rubén Riós convidoume a #diariodeuntitiritero, e alí estiven. Falamos de como a corentena nos está cambiando e daquelas cousas dos avós que nos marcaron. Cada tarde, en Facebook e Instagram, en directo, amigos e profesionais coma Monti Castiñeiras, Touriñán, unha humilde servidora e máis…
Non deixemos que isto nos peche nada máis que literalmente, que nos abra a alma e nos conecte para que O AMOR nos una coma nunca.
O amor si que move as montañas.