O 15 de abril é o Día mundial das Artes.
Celebración internacional declarada pola ÍAA, co fin de promover conciencia da actividade creativa no mundo. Neste día, obviamente, penso no meu amado oficio, a interpretación. Vou repetirme: é unha vida dura, moito!, pero hoxe vou dedicar as miñas liñas a recomendar ARTE pura derriba das táboas.
«Lo Nunca Visto», —Xosé Troncoso volve rescatar almas con vidas perdidas que falan dende o fondo do corazón—, cita Ana Turín sobre a peza. Ela, con Alicia Rodríguez e Belén Ponce de León, son as tres «bestas de escena marabillosas» do elenco deste espectáculo. Estas «señoras actrices» fixéronme chorar e rir, pasando dunha emoción a outra en milésimas de segundo.
Iso só pode facelo posible quen beneficia a arte como prioridade por derriba de todo. La Estampida fai que das mise- rias máis terribles e da escuridade absoluta broten raios de luz potentes e cegadores sen- do metáfora do futuro por escribir e por vivir. O pasado non se pode mudar, o futuro si. Personaxes de mulleres, interpretados por mulleres nun teatro no que pedimos #máismulleres. Viva a poética feminina da Estampida!
Liberto, texto de Gemma Brió impresionante, dirixido por Tamara Canosa e interpretado por Cris Iglesias, Rocío González e Lucía Aldao, é outra das obras de arte que nos fan retorcernos na butaca polas súas verdades coma puños e labazadas de realidade que dá a historia que nos contan e que na «sociedade do politicamente correcto» non somos quen de aceptar. Non deixedes de vela.
Non caben todas aquí, mulleres artistas galegas en escena. Melania Cruz no seu O empapelado Amarelo será a seguinte. Pinta moi , moi ben.
Estíbaliz Veiga